Pedidos superiores a 25€ con envío gratis.

Caldas aposta polo cultivo de oliveiras para producir aceite

O proxecto piloto é promovido por Aceites Embruxo co obxectivo de diversificar o aproveitamento forestal e xerar emprego e actividade económica no sector primario

Un proxecto piloto promovido por Aceites Embruxo busca poñer en marcha en Caldas de Reis o cultivo de oliveiras para a produción de aceite, co obxectivo de diversificar o aproveitamento forestal e xerar emprego e actividade económica no sector primario.

O alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey; o concelleiro de Medio Rural, Juan Carlos Ortigueira; e o de Comercio, Jacobo Pérez, veñen mantendo diferentes reunións coa empresa promotora co obxecto de coñecer de primeira man a iniciativa e abordar liñas de colaboración.

Os rexidores tamén están en contacto coas Comunidades de Montes, porque o proxecto ten a intención de desenvolverse en cooperación con estas entidades. Con este cometido xa lles foi presentado ás de Saiar, Paradela e Santa María. O Concello, no conxunto da iniciativa, estudaría fórmulas de colaboración con estas entidades.

Segundo explicaron dende Aceites Embruxo «a iniciativa pretende a recuperación do oliveiral galego como motor para a dinamización da economía e como alternativa diferente ao sustento do rural galego». Por iso, a empresa se ofrece a asesorar aos agricultores en todo o proceso de plantación co obxecto de asegurar o éxito dos seus cultivos. Os factores fundamentais a ter en conta para deseñar unha correcta plantación do oliveiral son: clima, chan, variedades e modelos de plantación.

En aras de obter a maior rendibilidade no mínimo tempo posible Aceites Embruxo encargaríase da análise do solo e do tratamento de datos climáticos da zona e a súa valoración, así como da cuantificación das necesidades do abonado, da plantación das oliveiras necesarias en función da superficie da leira, das recomendacións da variedade a utilizar e da planificación dos traballos no cultivo, entre outras cuestións.

Tamén se encargaría do proceso de comercialización, co compromiso da adquisición das olivas segundo o seu valor de mercado. Prevese a compra de 210 oliveiras de nebulización por hectárea dunha altura aproximada de 1,50 metros que dean froito nun ano e medio.

Reunión entre o alcalde e as partes implicadas neste proxecto para producir aceite no municipio. CEDIDA

IMPULSO A ECONOMÍA

Para o alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, este proxecto «é moi interesante para aumentar as oportunidades no rural mediante a diversificación da produción agraria».

O rexedor lembrou que Galicia foi historicamente unha zona de produción de oliveiras. Nesta liña sinalou que se trata «dun cultivo que xa se está recuperando en provincias como Lugo e Ourense e que é moi atractivo para impulsar en zonas como Caldas debido ao seu elevado potencial».